Friday 17 de May de 2024

Araceli Paz presenta o seu libro “No nací princesa” este venres na Casa das Palmeiras


A escritora e ilustradora, moi coñecida pola súa actividade en redes, dará a coñecer a súa obra en Neda nun acto que dará comezo ás 19:00 horas

A escritora e ilustradora Araceli Paz presentará este venres en Neda o seu libro “No nací princesa”. O acto celebrarase na Casa das Palmeiras, ás 19:00 horas. A autora, moi coñecida pola súa actividade nas redes sociais, aborda nesta obra unha historia de humor onde os dramas e as pantasmas internas saen a pasear, protagonizada por unha parella que afrontará os problemas habituais dos mozos na actualidade, asumindo que tentar vivir do que a un lle gusta significa precariedade laboral ou pluriemprego, ou que ser torpe é unha condición coa que se nace e que, a pesares de todo, manter o positividade é unha calidade.

Araceli Paz comeza a súa actividade en Instagram en 2018, alcanzando rapidamente unha gran popularidade e seguidores, con case que 90.000. Ademais, conta coa súa propia web, aracelipaz.net, onde amosa as súas ilustracións, doces e cunha boa dose de humor. Coas súas viñetas pretende amosar que os dramas non o son tanto, poñendo en valor a importancia de atopar o lado positivo das cousas.

Entre os seus temas habituais atopamos o feminismo, o amor polos animais e as situacións que atormentan á súa xeración. Ten realizado portadas de libros, ilustracións personalizadas, ou mesmo traballos de interiorismo para a planta de pediatría do Hospital Teresa Herrera da Coruña.